A historia do meu avó

O meu avó cumpriu este xoves 90 anos. Isto, hoxe en día, non é moita noticia. Pasou máis de media vida facendo, refacendo e arranxando zapatos. Era aquel tempo no que as cousas se arranxaban en vez de tiralas ao lixo. Daquel tempo conserva uns dedos que parecen chourizos e unhas mans curtidas coma o coiro co que traballaba na zapatería. Leva case 30 anos sen vexiga debido a un cancro que non tivo narices suficientes para tombalo. De cando en vez danlle problemas as arritmias, depende do Sintrom e un dos pulmóns xa apenas lle da folgos cando chega o inverno. Os xeonllos fállanlle de cando en vez e cae máis veces das que nos conta, para non preocuparnos. Se cadra iso tampouco é noticia. Pero o meu avó aínda fai a compra, cociña de luns a venres e camiña cinco ou seis quilómetros diarios. Coida á miña avoa, que está en cadeira de rodas. Lávaa pola mañá, faille o almorzo, a comida, a cea; vive para ela. É un deses homes que loitan toda a vida. Eses homes imprescindibles, dos que falaba Bertolt Brecht.

Pode que isto tampouco sexa noticia. Imos ao gran. O día do seu aniversario, estabamos vendo na televisión un descubrimento arqueolóxico nun país do que non me lembro agora. Dicían os expertos que un dos restos pertencían a un home que morrera envelenado. “¿E iso como o saben, ho?”, preguntou o meu avó. “Analizan os produtos químicos que hai neses restos e teñen uns métodos para comprobalo”, respondín eu,  facéndome o listo, como desculpando a súa ignorancia.

“Bo, iso son contos. ¿Cómo van saber o que facían hai miles de anos con só ver catro osos? Algo poderán adiviñar, non digo que non, pero o resto son historias”.

E entón, iluminoume. El, que saiu dez ou quince veces da provincia da Coruña. Que apenas lía o xornal e algún que outro libro despois de traballar 16 horas ao día. Nin carreira, nin máster, nin doutorado, nin hostias. Sentidiño, e abonda. ¿Cómo non vai dubidar o meu avó do que lle pasaba á xente hai miles de anos, cando non pode crer as mentiras de propaganda que lle contan tódolos días?

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s