Vilán

Cabo Vilán

Anuncios

Bin Laden estaba en Cee

“O día que o ían botar da alcaldía, Ramón Vigo levantou un pleno no polideportivo de Cee para esperar aos sete concelleiros que chegaban para facerlle a moción de censura. Soñara que atravesaba o campo da festa sobre catro secuaces, e por un intre foi feliz no soño, pero ao espertar sentiuse por completo salpicado por un pacto entre PP e BNG.”

Na Costa da Morte sómosche así. A primeira alcaldesa ten que chegar por unha moción de censura mediante un pacto antinatura. De feito, Daniel Oca e os outros concelleiros nacionalistas son un pouco Santiago Nasar, e o BNG esa Aracataca sen remedio. Un caramelo para Gabo.

As cousas en Cee durante o mandato de Vigo, facíanse ao grande, como  aquel concerto de Manolo Tena en pleno apoxeo, naquel momento aínda ignorado, da Orquesta. Se o exalcalde celebrou polos aires a súa victoria electoral hai uns meses, hoxe elevou tamén a súa figura sobre o pobo chan, e preparou, como xenialmente dicía Eduardo Eiroa, “un escenario a medio camiño entre un cadalso e un palco de orquesta”, non sei se con maiúscula ou non.

Para montar un pleno no pavillón gastáronse 2.000 euros e suspendéronse as actividades deportivas para os rapaces ceenses. Para soster o escudo do Concello e a imaxe do Rei, a mesma lona que se pon nas obras para que non entre ningunha persoa allea.

Esperábase unha sesión tensa, pero ao final a xente estivo a punto de enxugar as bágoas ante tanta paráfrase. Vigo empezou heavy, con Neruda (“es la hora de partir, la fría y dura hora que la noche sujeta a todo horario”). Axudoume a escribir estas liñas dicindo que o de hoxe era “a crónica dunha morte anunciada”.

Xente coma min ten o dubidoso oficio de comentar as cousas que fan e din os demais, pero outras veces só nos podemos limitar a transcribir. E así pasou hoxe:

“Un, por ser pequeno, gordo e fumar puros non é un mafioso. Mafioso é o que consume substancias que sustentan e permiten coa súa actitude que existan esas mafias”.

Imaxe

Tamén se lembrou a Joaquín Sabina, o cantante preferido de Ramón Vigo. Decía Daniel Oca, que había “máis de cen motivos” para a moción. “Más de cien mentiras” chámase a canción. Vigo auguroulle ao contubernio “19 días y 500 noches”.

Outro momento glorioso: “Todos sabedes de antemán o que van alegar estas sete persoas, como eles mesmo se autodenominan (…) Sete persoas coma sete cores ten o arco da vella”.

Se lle engade as sete imputacións que ten pendentes nos xulgados, teñen que parar o pleno para darlle unha ovación máis longa que a Plácido Domingo.

Outro Plácido, García Insua, tamén de IxCee, tamén estivo á altura do escenario. “Hoxe é un día triste, un roubo democrático”. Cada un fala da feira segundo lle vai nela, porque resulta que hai 11 anos,  Vigo fíxose alcalde por outra moción de censura. Lembrou tamén o despregue policial para desmantelar a Orquesta: “Para deter ao noso alcalde viñeron 200 policías, e os americanos para matar a Bin Laden empregaron corenta, en fin, a desproporción”.

Imaxineime entón a versión ceense da foto de Obama e o seu Gabinete seguindo o asalto a Villa Osama. O entón ministro Caamaño, en tensión, vendo a Praza do Recheo tomada e á súa compañeira socialista Amancia Trillo, socia de goberno de IxCee, berrando “Ánimo Ramón” á porta do xulgado.

“Me abandonó, como se abandonan los zapatos viejos…”